Normas de transcrición paleográfica

Á hora de traballar as fontes documentais seguimos unhas “normas de transcrición paleográfica”, homologábeis ás pautas utilizadas por diversas institucións e profesionais dedicadas a esta actividade:

– A transcrición realízase respectando no posíbel a grafía orixinal. Naqueles casos que ofrecen dúbidas aplícase o criterio gramatical actual.

– As letras que presentan unha forma especial de grafía transcríbense segundo o criterio actual.

– As letras dobres transcríbense tal como aparecen escritas, sexan ao comezo ou dentro da palabra.

– As liñas de escritura e os folios non conservan o formato orixinal na transcrición, polo que se emprega unha barra ascendente “/” ao final de cada liña ou unha dobre barra ascendente “//” ao final de cada folla, indicando outros elementos descritivos -como o número de folio ou a cara do mesmo- a pé de páxina.

– Cando os signos non equivalen a letras concretas senón que funcionan como monogramas, rúbricas ou similares, descríbense en nota ao pé de páxina.

– As abreviaturas desenvólvense na súa totalidade.

– Só se altera a puntuación ortográfica, seguindo o sistema actual, no caso de observar a necesidade de facilitar a comprensión do texto á persoa lectora.

– Se no texto orixinal aparecen palabras con sílabas divididas ou anexadas a outras consérvase a forma orixinal, agás cando dificulta a comprensión do texto, en cuxo caso plásmanse na forma actual.

– As letras iniciais normalízanse só en relación aos signos de puntuación e para distinguir nomes propios e topónimos, tendo en conta que o uso da letra maiúscula debe seguir as normas actuais de ortografía.

– Se aparecen anotacións sobre o texto orixinal exprésanse en nota ao pé, sinalando a súa situación no texto orixinal.

– Calquera engadido ao texto orixinal, realizado no proceso de transcrición, exprésase entre corchetes.