A Coruña, 1838 – Madrid, 31.I.1923. Filántropa.
Andrea Avelina Villegas Rubiños naceu na Coruña en 1838, filla do matrimonio formado por José Villegas Coronel, procedente de Vilafranca do Bierzo, e Juana Rubiños Armesto, natural de Lugo. A familia completaríase con catro fillos máis: Plácida, Ramón, Carlota e Luciana Villegas Rubiños.
En Compostela, onde estudaba o seu irmán Ramón, coñeceu a un adolescente Eugenio Montero Ríos, co que mantería un longo noivado. Acabarían casando o 4 de outubro de 1862, sendo Eugenio catedrático de Disciplina Eclesiástica na propia Universidade compostelá e avogado en exercicio.
Dous anos despois, a mediados de 1864, o matrimonio trasládase a Madrid, xa que o Consello de Instrución Pública concede a Eugenio a cátedra de Historia e Elementos do Dereito civil español común e foral da Universidade Central. Alí naceu a súa primeira filla, María Josefina, que falecería dous anos máis tarde.
En 1865, asentados xa na Corte, onde Eugenio dirixía o seu propio bufete e impartía docencia na Universidade Central, residen no número 15 da céntrica rúa do duque de Alba. Nese ano nace a súa segunda filla, María de los Dolores.
Non sabemos cando se produce o falecemento dos pais de Avelina, porén tanto esta como a súa irmá Plácida achegaron ao fogar un amplo patrimonio, procedente da súa herdanza paterna, repartido polas localidades de Sevilla, Castilleja de la Cuesta, León e Lucena. Ademais, en 1866 ambas irmás executaron un embargo por impago de préstamo sobre a casa número 18 da Praza Maior de Lugo, polo que non eran alleas á xestión do seu propio capital.
A finais dese ano de 1866, Avelina deu a luz á súa terceira filla, Eugenia, mentres o seu marido encamiñaba a súa carreira cara a política institucional. Xuntos viven a Revolución Gloriosa que expulsa aos Borbóns de España e a elección de Eugenio para a comisión encargada da redacción dunha nova Constitución. En 1869, coa formación do novo Goberno presidido por Prim, Eugenio sería nomeado subsecretario do Ministerio de Graza e Xustiza e Avelina dará a luz ao seu cuarto fillo, Ángel.
En 1871, xa proclamado El-Rei Amadeo I, Avelina deu a luz á súa quinta filla, María Victoria. Dous anos máis tarde tería lugar o nacemento do sexto fillo do matrimonio, Eugenio; e por volta de 1875 nacería o seu sétimo fillo, Andrés Avelino.
Neste momento Montero Ríos estaba centrado exclusivamente no seu traballo como avogado, conseguindo gran notoriedade cos asuntos da problemática foral. Isto levouno a facerse cargo da dirección letrada nun preito entre os herdeiros de Pedro Pulgar, propietarios da Granxa da Serra, en 1876.
O 26 de agosto dese mesmo ano Eugenio arréndalles a propiedade de Lourizán para traballar in situ sobre o preito que lles atinxe, se ben, ao remate do conflito hereditario acabaría por mercarlles o inmoble para establecer no pazo a súa residencia estival, asinando a escritura o 16 de maio de 1879.
Nesta nova propiedade adquirida polo matrimonio Montero Villegas nacería, en 1881, o seu oitavo e último fillo, Gerardo. E será, precisamente, no pazo de Lourizán onde se produza a agrupación da esquerda política española, logo das conversas mantidas en 1882 entre Segismundo Moret, José Echegaray, Cristino Martos, os xenerais Serrano e López Domínguez e o propio Eugenio Montero Ríos.
No verán de 1885 producíuse o afundimento do barco Virgen del Carmen de Marín. Diante do fatídico suceso Avelina -como muller do que había ser ministro de Fomento nesta altura- organizou nos xardíns do Bo Retiro de Madrid un concerto benéfico a favor das familias dos náufragos. A súa iniciativa foi secundada pola duquesa de Medina de las Torres, as marquesas do Pazo da Merced, de la Vega de Armijo, de Aranda, de Loureda, a condesa de Tejada de Valdosera e varias personalidades da vila e Corte, que constituíron a Xunta de Honra. No acto tamén estiveron presentes as Súas Maxestades e Altezas Reais, así como políticos, banqueiros, xornalistas e literatos, entre os que conseguiron recadar sobre 40.000 reais.
1886 sería o ano no que Montero Ríos afianzaría o seu poder electoral en Galiza como cacique e muñidor de elecciones, como diría Alfredo Brañas. Un ano de contrastes onde, se ben en abril volvería ser reelixido deputado a Cortes polo distrito de Santiago de Compostela, en maio falecería o seu fillo Ángel.
Dez anos máis tarde o matrimonio Montero Villegas viviría o pasamento da súa filla Dolores. Non obstante, a relación co seu xenro, Eduardo Vincenti, manteríase intacta ata o final dos seus días.
Esta perda levou a Avelina a fundar na Igrexa de San Francisco de Pontevedra a Asociación de la Virgen de los Dolores ese mesmo ano, coa finalidade da celebración solemne dun oficio á Virxe das Dores o último domingo de agosto, para o que se doou unha nova talla da Virxe coa efixie da finada. Dende 1897 a imaxe sairía en procesión dende a casa de Valentín García Escudero e Matilde Temes Trujeda, na rúa da Ponte, onde se instalou un camarín, ata a Igrexa de San Francisco.
En 1899 Eugenio Montero-Ríos Villegas foi elixido deputado pola circunscrición de Muros e para celebralo o grupo de afíns ofreceron unha cea no Hotel Inglés de Compostela. Alí, tomaron o acordo de que unha comisión levara o bouquet de flores a Avelina Villegas, que estaba en Lourizán.
A actividade e implicación social de Avelina non cesou co cambio de século e en 1904 asistíu á inauguración en Madrid do Sanatorio La Gallega, un hotel ubicado na esquina das rúas de Zurbano, 55, e Abascal, onde formaba parte da Xunta de damas. Este centro destinado a casa de saúde das persoas socias do Centro gallego de Madrid, así como ás naturais de Galiza, tiña un acordo con Aguas de Mondariz, polo que Enrique Peinador se comprometía a custear as viaxes ao Balneario a varias persoas designadas polo padroado do centro, cada ano.
Como era habitual a familia trasladóuse a pasar os meses de verán no pazo de Lourizán e en setembro organizarían, xunto á familia Riestra, unha festa benéfica -como estaba a facer Emilia Pardo-Bazán na Coruña- para recadar apoios para o Sanatorio La Gallega, na que a Deputación provincial de Pontevedra participaría cunha suscrición de 500 pesetas.
En 1909 comezan as obras de ampliación e embelecemento do pazo de Lourizán, convertíndoo nun palacio de corte do Segundo Imperio francés. Avelina estivo ao tanto das obras que se levaban a cabo e participou activamente da súa planificación e execución.
A principios de 1912 constituíuse unha Xunta benéfica de damas para os feridos en Melilla, onde Avelina foi elixida presidenta honoraria, xunto á marquesa de Figueroa, María de la Valvanera Izquierdo e Zárate. A finais dese mesmo ano celebraríase unha fastuosa festa no palacio de Lourizán co gallo das vodas de ouro de Avelina e Eugenio, pola que pasarían todo tipo de personalidades políticas, relixiosas e sociais do momento, ademáis da ampla descendencia do homenaxeado matrimonio.
Con Eugenio retirado activamente da vida pública Avelina suple en parte a súa notoriedade. Así, en 1913 participa nunha homenaxe ás raíñas Victoria Eugenia de Battemberg e María Cristina de Habsburgo-Lorena, cunha publicación na prensa xunto a Sofía Casanova, Carolina Giráldez -de González Besada- e ás condesas de Pardo-Bazán e Bugallal:
“A la admiración que desde mi hogar vengo profesando a la excelsa y virtuosísima Reina madre y a la hermosísima Reina consorte, por las virtudes que tanto las enaltecen y las demás cualidades personales con que las damas españolas nos orgullecemos citándolas como admirable ejemplo ante las damas extranjeras, se une ahora el culto que nos inspiran aquellas virtuosísimas señoras que una vez más acaban de pasar por los tormentos que trituran de un modo tan cruel el corazón de una madre y el de una esposa.
Grandes son las dotes personales de las dos ilustres Damas, pero más grande es aún su inagotable virtud, acrisolada en el dolor aunque sostenida siempre con los alientos de la espe- ranza.
Avelina Villegas de Montero Ríos”
Eugenio volve a Madrid para presidir o Senado a principios de 1914, non obstante, pronto renuncia ao cargo por motivos de saúde e falece o 12 de maio dese mesmo ano. Este suceso provoca innumerábeis mostras de afecto cara o matrimonio, ata o punto de que Emilio Méndez Brandón, avogado e concelleiro republicano en Compostela, propón nunha carta aberta que se lle concedese a Avelina o título de duquesa, marquesa ou condesa de Compostela, polos “eminentes servicios prestados a la patria por el señor Montero Ríos”.
A finais dese ano nacería a única filla de Avelino Montero-Ríos Villegas e Dolores Fernández Monteverde, da que foi madriña Avelina, cuxo bautizo se levaría a cabo nun acto íntimo na Igrexa dos Praceres.
Ao ano seguinte, o Concello de Santiago de Compostela tomou o acordo de erixir unha estatua en memoria de Montero Ríos no centro da praza do Hospital -hoxe do Obradoiro-; decisión que provocou afervoados sentimentos de aceptación e rexeitamento, tanto polo homenaxeado como pola ubicación elixida. Neste contexto político-social Avelina volveu tomar a palabra para dirixir unha carta ao Concello de Santiago de Compostela e pedirlle ao seu acalde que paralizase a decisión, ao que este se negaría:
“Sr. Alcalde de Santiago.
Muy distinguido señor: Al perder para siempre el que fué mi esposo durante cincuenta y un años, creía que no podría experimentar dolor más agudo en el poco tiempo que me restase de vida, pero la realidad me ha hecho sentir cuan equivocada estaba, puesto que mucho más triste que la pérdida del ser querido, es la contemplación cruel del cómo quieren aventar sus cenizas y discutir su memoria.
No acuso a nadie ni me quejo de nadie.
Las inmensas torturas, las profundas tristezas, las muchas lágrimas que me ha costado cuanto viene sucediendo desde la muerte de mi marido, con ocasión del monumento proyectado, eran otros tantos tributos que rendía al glorioso recuerdo del que fué esposo, padre, ciudadano y santiagués modelo.
Pero ya no puedo más, señor alcalde; y como creo tener para ello algún derecho, ‘y si no los tuviera, la hidalguía y los respetos a los deseos de una señora viuda no me los negarán’, acudo al Ayuntamiento de su digna presidencia, rogándole con el mayor encarecimiento, así en mi nombre como en el de mis hijos todos, que quieran respetar esta determinación mía y la forma de adoptarla, que se sirva dejar sin efecto el acuerdo de levantar un monumento a la memoria de don Eugenio Montero Ríos.
Su afectísima s. s., Avelina Villegas, viuda de Montero Ríos.”
Malia todo, a vida continuaba e Avelina seguía ao tanto da xestión diaria da antiga Granxa da Serra. Así, en 1916 xestionou a compra ao Estado, autorizada pola Dirección de Agricultura, de 2 Kg de sulfato de cobre para os viñedos de Lourizán, que seguían en produción.
Dúas profundas perdas haberían de afectar a Avelina nos seus últimos anos. En 1917 o pasamento do seu fillo Eugenio e en 1921 o da súa inseparábel irmá, Plácida. Non obstante, Avelina seguíu investindo o seu tempo en obras sociais e educativas, como a instalación dun colexio feminino en Praceres -dirixido polas Hermanas del Sagrado Corazón de Jesús-, para o que Avelino Montero doou o que antes fora o Hotel de Los Placeres.
Avelina levaba unha tempada delicada de saúde e o 31 de xaneiro de 1923 falecería en Madrid, onde se trasladou a familia. O seu desexo era ser soterrada na cripta do palacio de Lourizán, xunto ao seu marido, polo que dous días despois foi trasladada -nun féretro levado polos seus netos- dende a súa casa de Madrid á Estación do Norte. Alí saíu no tren para Pontevedra, con destino á súa última morada, acompañada polos seus xenros Eduardo Vincenti e o marqués de Alhucemas.
Bibliografía: DEL ARCO, Juan: Montero Ríos, Colección Medio Siglo de Historia, Los Presidentes del Consejo de la Monarquía 1874-1931, Tomo X, Editorial Purcalla, Madrid, 1947; MARTÍNEZ VAL, José María: Montero Ríos y su tiempo, Madrid, 1980; BARRAL MARTÍNEZ, Margarita: A Administración local na era Monterista, Escola Galega de Administración Pública, Santiago de Compostela, 2006; ARCAY BARRAL, Ángel et al. (coords.): Relatorio sobre a protección do Pazo de Lourizán, Amigas e Amigos do Museo de Pontevedra, Pontevedra, 2017; VÁZQUEZ-REY, Ernesto e COLLADO RODRÍGUEZ, Noelia: “A derradeira vontade de Eugenio Montero Ríos” en Quórum: Revista de Artes, Letras e Ciencias Sociais e Xurídicas, 2018, núm. 1; VÁZQUEZ-REY, Ernesto: Relación xurada e valorada de todos os bens restantes ao falecemento de don Valentín García Escudero, Obarrio Montenegro Editora, Pontevedra, 2022; El Heraldo, 21/12/1853; El Clamor Público, 25/01/1859; Boletín Oficial da Provincia de Lugo, núm. 90, 30/07/1866; El Eco de Galicia, núm. 43, 07/11/1872; El eco de Galicia: Revista semanal de ciencias, arte e literatura, núm. 159, 12/07/1885; El imparcial, 18/05/1886; Galicia humorística, 30/01/1888; La correspondencia de España, 27/03/1896; La opinión: Diario de Pontevedra, ano I, núm. 236, 16/11/1896; Gaceta de Galicia: Diario de Santiago, núm. 113, 18/05/1899; El Diario de Pontevedra: periódico liberal, ano XXI, núm. 9376, 05/05/1904; Gaceta de Galicia: Diario de Santiago, núm. 214, 16/09/1904; El progreso: Semanario independiente, ano IV, núm. 191, 31/07/1910; Gaceta de Galicia: Diario de Santiago, núm. 26, 02/02/1912; Gaceta de Galicia: Diario de Santiago, núm. 215, 21/09/1912; La correspondencia gallega: Diario de Pontevedra, ano XXV, núm. 6947, 02/05/1913; El correo de Galicia: Diario independiente de avisos y noticias, s/n, 09/07/1914; La correspondencia gallega: Diario de Pontevedra, ano XXVI, núm. 7423, 21/09/1914; El progreso: Semanario independiente, ano IX, núm. 1785, 16/11/1915; El diario de Pontevedra: periódico liberal, ano XXXIII, núm. 9599, 18/04/1916; El día, 09/09/1917; El diario de Pontevedra, ano XXXV, núm. 10291, 07/08/1918; El diario de Pontevedra: periódico liberal, ano XXXVIII, núm. 11.317, 05/12/1921; El compostelano, ano IV, núm. 886, 31/01/1923; El progreso, ano XVII, núm. 3058, 01/02/1923; La voz de la verdad, ano XIII, núm. 4145, 02/02/1923.
Sobre o autor:
Ernesto Vázquez-Rey farto
Pontevedra, 1987. Xurista, investigador e xestor cultural, é membro do Consello Internacional dos Arquivos (ICA). Fundador e editor de Obarrio Montenegro Editora, dirixe a Colección de Fontes Documentais do selo editorial.

_
Imaxe da portada: Retrato de Avelina Villegas Rubiños realizado na década de 1910. Colección Joaquín Pintos, ca. 1910-1913, Museo de Pontevedra.
