Pontevedra, c. 1822 – Pontevedra, 4.I.1904. Militar.
Nado no seo dunha familia burguesa era fillo de Francisco Ruysuárez e de María Josefa Correa, cuxo matrimonio tamén dera ao fogar familiar a Carmen, Manuel e Francisco Ruysuárez Correa.
Educado na doutrina católica iniciou a súa carreira militar dende novo, onde foi ascendendo ata obter o grao de comandante do batallón provincial de Infantería de Pontevedra. Na Comandancia coincidiría -andado o tempo, entre 1878 e 1879- co seu cuñado, o tamén comandante, Miguel de la Riega Fernández.
Case dúas décadas antes contraera matrimonio con Josefa Lastra del Villar, descendente da egrexia familia pontevedresa dos Gago de Mendoza, coa que non deixaría sucesión. Este vantaxoso matrimonio, que fixaría a súa residencia na pontevedresa rúa da Ponte -primeiro- e na da Peregrina -posteriormente-, mantería unha excelente relación coa familia de Josefa Lastra, ata o punto de resultar o grupo máis beneficiado na herdanza do matrimonio.
Ademáis da vida militar, José Ruysuárez demostrou certo interese pola cría de gando unha vez que pasou á reserva no batallón provincial de Infantería pontevedrés en 1881. Antes de contraer matrimonio tiña adquirido a denominada Granja del Iglesiario, xunto ao cemiterio da parroquia de Salcedo, onde se criaron exemplares que foron presentados en anos posteriores á Exposición provincial de gando, celebrada nos Xardíns de Vincenti -antigo Campo da Feira- en agosto de 1882. Un lustro máis tarde promovería a constitución da Asociación de Clases Pasivas de la provincia de Pontevedra, de cuxa Xunta Directiva sería vogal. Neste momento, tamén colaboraría en asuntos públicos na súa cidade natal, sendo xeneroso suscriptor de fondos para as festas da Peregrina.
Coronel graduado, comandante de Infantería retirado, cabaleiro da Real e militar Orde de San Hermenexildo, condecorado coa Cruz do mérito militar vermella de segunda clase e con outras por méritos de Guerra, faleceu na súa cidade natal, rodeado do núcleo familiar.
Bibliografía: Guía oficial de España, Imprenta nacional, Madrid, 1875; Guía oficial de España, Imprenta nacional, Madrid, 1878; Guía oficial de España, Imprenta nacional, Madrid, 1879; Guía oficial de España, Imprenta nacional, Madrid, 1880; Guía oficial de España, Imprenta nacional, Madrid, 1881; Guía oficial de España, Imprenta nacional, Madrid, 1882; Crónica de Pontevedra. Diario político, ano I, núm. 57, 09/07/1886; La Correspondencia Gallega: diario de Pontevedra, ano IX, núm. 2270, 27/07/1897; El Correo Gallego: diario político de la mañana, ano XX, núm. 6510, 30/07/1897; La Correspondencia Gallega: diario de Pontevedra, ano IX, núm. 2260, 15/07/1897; El Diario de Pontevedra: periódico liberal, ano XXI, núm. 9277, 05/01/1904.
Sobre o autor:
Ernesto Vázquez-Rey farto
Pontevedra, 1987. Xurista, investigador e xestor cultural, é membro do Consello Internacional dos Arquivos (ICA). Fundador e editor de Obarrio Montenegro Editora, dirixe a Colección de Fontes Documentais do selo editorial.

_
Imaxe da portada: Retrato a carboncillo de José Ruysuárez Correa. LÓPEZ SANMARTÍN, Benigno, c. 1882, Museo de Pontevedra.
